Bonificacións na cotización á Seguridade Social do persoal investigador

O Real decreto 475/2014 , do 13 de xuño, sobre bonificacións na cotización á Seguridade Social do persoal investigador ten por obxecto establecer unha bonificación do 40 por cento nas achegas empresariais ás cotas da Seguridade Social por continxencias comúns respecto do persoal investigador que se determina no artigo 2, así como regular o procedemento para a súa aplicación.

O artigo 2 establece que terán dereito a estas bonificacións os traballadores incluídos nos grupos 1, 2, 3 e 4 de cotización ao Réxime Xeral da Seguridade Social que, con carácter exclusivo e pola totalidade do seu tempo de traballo na empresa dedicada a actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica, se dediquen á realización das citadas actividades, xa sexa o seu contrato de carácter indefinido, en prácticas ou por obra ou servizo determinado. Neste último caso, o contrato deberá ter unha duración mínima de tres meses. Con relación á exclusividade e ao cómputo da totalidade do tempo de traballo, admitirase que ata un 15% do tempo dedicado a tarefas de formación, divulgación ou similares, compute como dedicación exclusiva a actividades de I+D+i.

Terán dereito á bonificación do 40 por cento nas achegas empresariais ás cotas da Seguridade Social por continxencias comúns.

As entidades ou empresas beneficiarias das bonificacións previstas deberán reunir os seguintes requisitos:

  • Cumprir as condicións esixidas con carácter xeral para a adquisición e mantemento dos beneficios na cotización á Seguridade Social no artigo 77 da Lei 13/1996 do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, e no artigo 29 da Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social.
  • Non ter sido excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego pola comisión de infraccións moi graves non prescritas, todo iso de conformidade co previsto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

As entidades ou empresas beneficiarias poderán aplicar as bonificacións con carácter automático nos correspondentes documentos de cotización, sen prexuízo do seu control e revisión pola Inspección de Traballo e Seguridade Social e pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Estas bonificacións non serán de aplicación nos seguintes supostos:

  • Respecto daqueles empregados que destinen unicamente parte da súa xornada laboral á realización de actividades de investigación, de desenvolvemento ou de innovación tecnolóxica.
  • Respecto daqueles empregados que traballen para empresas que levan a cabo proxectos de investigación, de desenvolvemento ou de innovación tecnolóxica, cuxo labor consista en actividades distintas ás sinaladas como tales no artigo 35 do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades, como son as de administración, xestión de recursos, mercadotecnia, servizos xerais e dirección, entre outras.
  • Respecto daqueles empregados contratados pola Administración Xeral do Estado e os Organismos públicos regulados no título III e nas disposicións adicionais novena e décima da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración Xeral do Estado, as Administracións autonómicas ou as corporacións locais e os seus organismos públicos, así como por outros entes públicos que estean totalmente exentos do Imposto sobre sociedades.
  • Relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, ou noutras disposicións legais.
  • Respecto do persoal contratado por empresas ou organismos cuxa contratación para actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica estea explicitamente subvencionada ou financiada con fondos públicos, sempre que o devandito financiamento inclúa tamén as cotas empresariais á Seguridade Social.

Documentación