Características dun contrato

Que é?

Un contrato de traballo é un acordo entre empresario e traballador polo que este se obriga a prestar determinados servizos por conta do empresario e baixo a súa dirección, a cambio dunha retribución.

Poden asinalo:

  • Os maiores de idade (18 anos).
  • Os menores de 18 anos legalmente emancipados.
  • Maiores de 16 e menores de 18 se teñen autorización dos pais ou de quen os teña ao seu cargo. Se viven de forma independente, co consentimento expreso ou tácito dos seus pais ou titores.
  • Os estranxeiros, de acordo coa lexislación que lles sexa aplicable.

 

  • Sobre a formalización

    O contrato de traballo pode formalizarse por escrito ou de palabra. É obrigatorio por escrito cando así o esixa unha disposición legal e sempre nestes contratos:

    • Prácticas.
    • Formación.
    • Para a realización dunha obra ou servizo determinado.
    • A tempo parcial, fixo descontinuo e de remuda.
    • A domicilio.
    • Traballadores contratados en España ao servizo de empresas españolas no estranxeiro.
    • Os contratos por tempo determinado, cunha duración que sexa superior a catro semanas.

    Cada unha das partes poderá esixir que o contrato se celebre por escrito, en calquera momento do transcurso da relación laboral.

    Sobre o período de proba

    • O seu establecemento é optativo e, de acordalo, deberase constar por escrito no contrato.
    • A súa duración máxima establecerase nos convenios colectivos e, no seu defecto, a duración non poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, ou de dous meses para o resto dos traballadores.
    • Durante o período de proba, o traballador terá os mesmos dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, coma se fose do cadro de persoal.
    • Durante este período poderase rescindir a relación laboral por vontade de calquera das partes, sen alegar causa ningunha e sen aviso previo, agás pacto que estableza o contrario.
    • O período de proba compútase para os efectos de antigüidade.
    • A situación de incapacidade temporal que afecte o traballador durante o período de proba, interromperá o cómputo deste sempre que se produza un acordo entre ambas as partes.
    • Nas empresas con menos de 25 traballadores, o período de proba non poderá exceder de tres meses para os traballadores que non sexan técnicos titulados.
    • Non se poderá establecer período de proba cando o traballador xa desempeñase as mesmas funcións con anterioridade na empresa, baixo calquera modalidade de contratación.

    Sobre a duración

    • Un contrato de traballo pode ser indefinido (fixo), ou ben ter unha duración determinada (temporal).
    • En principio todo contrato de traballo é indefinido e a xornada completa, agás que no contrato de traballo se estableza o contrario.
    • As normas que regulan cada tipo de contrato temporal establecen cal é a duración mínima e máxima do contrato.

    Sobre os dereitos e obrigas

    • Un contrato de traballo supón uns dereitos para o traballador, que se converten en obrigas para o empresario. Ao mesmo tempo, as obrigas que contrae o traballador convértense en dereitos do seu empresario.

    O empresario contrae obrigas con:

    • O traballador: cando a relación laboral sexa de duración superior a catro semanas, o empresario deberá informar por escrito o traballador sobre os elementos esenciais do contrato e principais condicións de execución da prestación laboral, sempre que estes elementos e condicións non figuren no contrato de traballo formalizado por escrito.
    • Os representantes legais dos traballadores: tamén deberá entregarlles aos representantes legais dos traballadores unha copia básica dos contratos formalizados por escrito (con excepción dos contratos de relacións especiais de alta dirección, para os que é suficiente a notificación), ademais das prórrogas dos devanditos contratos e as súas denuncias, para o que ten un prazo de 10 días. A copia básica conterá todos os datos do contrato coa excepción do número do DNI, domicilio, estado civil e calquera outro dato que poida afectar a identidade persoal do interesado. Posteriormente, esta copia básica enviarase ao Servizo Público de Emprego. Cando non exista representación legal dos traballadores, tamén deberá formalizarse a copia básica e remitirse ao Servizo Público de Emprego.
    • O Servizo Público de Emprego: os empresarios están obrigados a comunicarlle ao Servizo Público de Emprego, no prazo dos 10 días seguintes á súa concertación e nos termos que regulamentariamente se determinen, o contido dos contratos de traballo que asinen ou as súas prórrogas, deban ou non formalizarse por escrito.

    Dereitos do traballador:

    • A ocupación efectiva durante a xornada de traballo.
    • A promoción e formación no traballo.
    • Non seren discriminados para acceder a un posto de traballo.
    • A integridade física e a intimidade.
    • Percibir puntualmente a remuneración pactada.
    • Os demais que se establezan no contrato de traballo.

    Deberes do traballador:

    • Cumprir as obrigas concretas do posto de traballo conforme os principios da boa fe e dilixencia.
    • Cumprir as medidas de seguridade e hixiene que se adopten.
    • Cumprir as ordes e instrucións do empresario no exercicio da súa función directiva.
    • Non realizar a mesma actividade que a empresa en competencia con ela.
    • Contribuír a mellorar a produtividade.
    • Os demais que se establezan no contrato de traballo.