Programa PREPARA

As axudas para o Programa de Recualificación Profesional (PREPARA) establecéronse no Real decreto lei 1/2011, do 11 de febreiro, de medidas urxentes para promover a transición ao emprego estable e a recualificación profesional das persoas desempregadas. Este programa introduciu, de forma conxuntural, un programa de cualificación profesional das persoas que esgoten a súa protección por desemprego, baseado en accións de políticas activas de emprego e na percepción dunha axuda económica de apoio.

  • O Real decreto lei 1/2013, do 25 de xaneiro prorroga o programa de recualificación profesional das persoas que esgoten a súa protección por desemprego. Ademais, a norma posibilita unha prórroga automática do programa por períodos de seis meses cando a taxa de desemprego, segundo a Enquisa de poboación activa (EPA), sexa superior ao 20 por cento. Esta medida supón un mecanismo de protección adicional xustificado pola situación do mercado de traballo español, pola que os destinatarios do programa reciben un tratamento individualizado e personalizado para a súa inserción laboral.
  • O Real decreto lei 1/2016, do 15 de abril polo que se prorroga o Programa de activación para o emprego, modifica a disposición adicional segunda do Real decreto lei 1/2013 do 25 de xaneiro, quedando redactada nos seguintes termos: "A vixencia do programa de recualificación profesional das persoas que esgoten a súa protección por desemprego prorrogarase de forma automática por período de seis meses, a partir do 16 de agosto de 2013, sempre que a taxa de desemprego sexa superior ao 18 % segundo a última enquisa de poboación activa."
  • Descrición da axuda

    O actual programa redefínese e centra a súa función protectora no colectivo dos desempregados, que esgotando e non tendo dereito a outras prestacións ou subsidios, presenten cargas familiares ou sexan parados de longa duración:

    • Increméntase a axuda, do 75 % ao 85 % do Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples, IPREM, para aqueles beneficiarios que acrediten tres ou máis persoas ao seu cargo.
    • Céntrase o colectivo de beneficiarios nos parados de longa duración (máis de doce dos últimos dezaoito meses en desemprego) ou parados con cargas familiares, manténdose o resto de requisitos de acceso considerados en programas anteriores.
    • Para a determinación da condición de beneficiario, mantense a vinculación do requisito de reducidas rendas do solicitante ás da unidade familiar, incluíndo agora as rendas dos pais en caso de convivencia.
    • En cumprimento das recomendacións do Tribunal de Contas, corríxense os solapamentos que se daban entre o Programa e algunhas rendas asistenciais.
    • Esíxese que o solicitante acredite ter buscado activamente traballo durante polo menos 30 días dende a perda doutras prestacións durante o prazo de solicitude, co obxectivo de reforzar o seguimento do compromiso de actividade. Esta obriga mantense durante todo o programa e determinará a permanencia do beneficiario neste.
    • No seo da Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais proporase que o grao de eficacia e eficiencia na execución do programa se introduza como unha das variables de repartición dos fondos destinados a políticas activas para as comunidades autónomas.

    Persoas beneficiarias

    Poderán beneficiarse deste programa as persoas desempregadas por extinción da súa relación laboral e inscritas como demandantes de emprego nas Oficinas de Emprego que esgoten a prestación por desemprego de nivel contributivo e non teñan dereito a calquera dos subsidios por desemprego establecidos no texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, ou ben esgotasen algún destes subsidios, incluídas as súas prórrogas, debendo cumprir as devanditas persoas no momento da solicitude, ademais, algunha das seguintes condicións:

    • Levar inscritas como demandantes de emprego polo menos doce dos últimos dezaoito meses.
    • Ter responsabilidades familiares, tal como este concepto vén definido no artigo 215.2 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.

    A persoa solicitante debe carecer de rendas de calquera natureza superiores en cómputo mensual ao 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. Para o cómputo de rendas teranse en conta as da unidade familiar do solicitante, incluídos os pais.

    Non poderán acollerse a este programa as persoas que percibisen a prestación extraordinaria do programa temporal de protección por desemprego e inserción (PRODI), nin as persoas que fosen ou puidesen ser beneficiarias do programa de recualificación profesional das persoas que esgoten a súa protección por desemprego (PREPARA) nos termos establecidos no Real decreto lei 1/2011, do 11 de febreiro, incluídas as súas prórrogas, nin as que se esgotasen ou puidesen ter dereito á renda activa de inserción, nin as que esgotasen a renda agraria ou o subsidio por desemprego, ambos en favor de traballadores eventuais do Sistema Especial para Traballadores por Conta Allea Agrarios incluídos no Réxime xeral da Seguridade Social.

    Se non tes dereito á axuda incluída no Programa PREPARA, solicita información sobre as rendas de inserción ou rendas sociais na túa comunidade autónoma de residencia.

    Dereitos das persoas beneficiarias

    • Realizar un itinerario individualizado e personalizado de inserción, que considere o diagnóstico sobre a súa empregabilidade, así como as medidas de políticas activas de emprego dirixidas a mellorala.
    • Participar en medidas de políticas activas de emprego encamiñadas á recualificación e/ou reinserción profesional necesarias para que poidan incorporarse a novos postos de traballo, especialmente as dirixidas á obtención das competencias profesionais máis necesarias para a súa colocación estable.
    • Recibir unha axuda económica de acompañamento do 75% do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM) mensual, ata un máximo de seis meses.

    No caso de que a devandita persoa teña a cargo no momento da solicitude, polo menos, tres membros da unidade familiar, a axuda será equivalente ao 85 % do IPREM. Para estes efectos, entenderase como familiar a cargo ao cónxuxe e/ou fillos menores de 26 anos, ou maiores cunha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento ou menores acollidos, e que carezan individualmente de rendas propias superiores ao 75 % do salario mínimo interprofesional en cómputo mensual, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

    Obrigas das persoas beneficiarias

    • As persoas beneficiarias estarán obrigadas, ao longo de toda a duración do programa, a participar nas accións de políticas activas de emprego e de busca de emprego que lles propoñan os Servizos Públicos de Emprego das comunidades autónomas e o Servizo Público de Emprego Estatal no ámbito das súas respectivas competencias, podendo estes Servizos Públicos esixir a súa acreditación en calquera momento, sendo a súa realización requisito imprescindible para o mantemento do gozo da axuda económica.
    • Así mesmo, estarán obrigadas a aceptar a oferta de emprego adecuada, segundo o establecido no artigo 231.3 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, xa sexa ofrecida polos Servizos Públicos de Emprego ou polas axencias de colocación cando desenvolvan actividades no ámbito da colaboración daqueles, agás causa xustificada.
    • Igualmente, deberán comunicar, se é o caso, que se deixaron de reunir os requisitos necesarios para acceder ao programa, así como calquera modificación que puidese afectar a súa contía.

    Solicitude da axuda

    A solicitude da axuda de acompañamento presentarase na correspondente Oficina de prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal. O prazo de solicitude é de dous meses dende o esgotamento da prestación ou subsidio por desemprego. Durante este prazo, o solicitante deberá realizar durante polo menos 30 días accións de busca activa de emprego, e acreditalas ao Servizo Público de Emprego Estatal.

Documentación