Programas e iniciativas comunitarias

A decisión que establece o novo Programa de Aprendizaxe Permanente (PPA) foi asinada polos presidentes do Parlamento Europeo e do Consello o día 15 de novembro, e publicada no diario oficial o día 24 de novembro. Entrou en vigor o día 14 de decembro de 2006. Este programa substitúe os antigos Leonardo da Vinci, Sócrates e Tempos II que expiraron ao termo do ano 2006.

Con este novo programa preténdese contribuír, a través da aprendizaxe permanente, a converter a Europa nunha sociedade de coñecemento avanzado; cun desenvolvemento económico sostible; máis e mellores empregos; e maior cohesión social. Aspírase tamén a fomentar a interacción, cooperación e mobilidade entre os distintos sistemas de formación profesional europeos, de tal xeito que estes se convertan nun referente de calidade a nivel mundial.

O Programa de Aprendizaxe Permanente comprende catro programas sectoriais: Comenius, Erasmus, Leonardo da Vinci e Grundtvig que se complementarán cun programa transversal; e finalmente, o programa Jean Monnet.

  • Programa Comenius

    Dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente, o programa Comenius atenderá as necesidades de ensino e aprendizaxe de todos os participantes na educación preescolar e escolar, ata o final do segundo ciclo de educación secundaria, así como dos centros e organizacións que imparten esa educación.

    Programa Erasmus

    Dentro do Programa de aprendizaxe permanente, o programa Erasmus atenderá as necesidades de ensino e aprendizaxe de todos os participantes na educación superior formal e na educación e formación profesional de nivel terciario, calquera que sexa a duración da carreira ou cualificación e incluídos os estudos de doutorado, así como dos centros e organizacións que imparten ou facilitan esa educación e formación.

    Programa Leonardo da Vinci

    Dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente, o programa Leonardo da Vinci atenderá as necesidades de ensino e aprendizaxe de todos os participantes na educación e formación profesional, excluída a de nivel terciario, así como dos centros e organizacións que imparten ou facilitan esa educación e formación.

    O programa prevé unha serie de cambios. As prazas para persoas en formación aumentarán considerablemente, chegando ás 80.000 anuais ao termo do programa, fronte ás aproximadamente 45.000 actuais; un incremento similar prevese na mobilidade dos formadores. Os antigos proxectos piloto son substituidos polos novos proxectos multilaterais de transferencia da innovación, cuxa xestión recae integramente nas axencias nacionais.

    Inclúense tamén proxectos de desenvolvemento da innovación e boas prácticas, coa finalidade de que se faga un uso correcto dos métodos e resultados conseguidos noutros proxectos ou en calquera outro marco de aprendizaxe.

    No novo programa creáronse redes Leonardo sobre cuestións de interese europeo común, de forma similar ás redes temáticas Erasmus. Así mesmo, haberá unha nova acción Leonardo centrada nas asociacións co fin de promover o intercambio de experiencia entre os provedores de formación, que non recibirá financiamento ata o ano 2008. E, finalmente, proseguiranse as actividades dos proxectos e medidas de acompañamento.

    Programa Grundtvig

    Dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente, o programa Grundtvig centrarase nas necesidades de ensino e aprendizaxe dos participantes en todas as formas de educación de adultos, así como dos centros e organizacións que imparten ou facilitan esa educación.

    Programa transversal

    O programa transversal abranguerá as catro actividades clave seguintes:

    a) cooperación política e innovación en materia de aprendizaxe permanente.

    b) fomento da aprendizaxe de linguas.

    c) desenvolvemento de contidos, servizos, pedagoxías e prácticas innovadores e baseados nas TIC, no ámbito da aprendizaxe permanente.

    d) difusión e aproveitamento dos resultados de actividades subvencionadas ao abeiro do programa e de anteriores programas afíns, así como intercambio de boas prácticas.

    Programa Jean Monnet

    O programa Jean Monnet prestará apoio a centros e actividades no ámbito da integración europea. Abranguerá as tres actividades clave seguintes:

    a) a Acción Jean Monnet.

    b) as subvencións de funcionamento para apoiar centros específicos que traten temas relacionados coa integración europea.

    c) as subvencións de funcionamento para apoiar outros centros e asociacións europeos nos ámbitos da educación e a formación.

Documentación