Desexo regresar ao meu país

Se es estranxeira ou estranxeiro non comunitario e queres regresar ao teu país, coñece cales son os requisitos e a información necesaria para poder cobrar o pagamento acumulado e anticipado da prestación contributiva por desemprego.

En liña Dende a sede electrónica

Presencial Pide a túa cita na túa oficina máis próxima

FAQ Accede ás preguntas máis solicitadas

Requisitos

Para poder cobrar o pagamento acumulado e anticipado da prestación contributiva por desemprego debes:

  • Ser nacional dun país que teña convenio bilateral con España en materia de Seguridade Social (Andorra, Arxentina, Australia, Bolivia, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Ecuador, Estados Unidos, Federación Rusa, Filipinas, Xapón, Marrocos, México, Paraguai, Perú, República Dominicana, Túnez, Ucraína, Uruguai, Venezuela, O Salvador, República de Corea e República de Cabo Verde) e ter residencia legal en España.

    Quedan excluídos os nacionais dos países que forman parte da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, Suíza, os apátridas e os que teñan dobre nacionalidade cando unha delas sexa a dun país que teña convenio bilateral con España en materia de Seguridade Social e a outra sexa a española ou a dun país da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou Suíza.

  • Estar en desemprego e inscrito ou inscrita como demandante de emprego.
  • Ter recoñecido o dereito á prestación por desemprego de nivel contributivo, sen compatibilizalo cun traballo a tempo parcial.
  • Asumir o compromiso de retornar ao teu país de orixe, se é o caso, en compañía dos familiares reagrupados sen unha autorización de residencia independente, no prazo máximo de 30 días naturais contando a partir da data do primeiro pagamento en España e o de non retornar a España, no prazo de tres anos.
  • Non estar incurso nos supostos de prohibición de saída do territorio nacional previstos na lexislación de estranxeiría.

Podo regresar a España no futuro?

Unicamente poderás regresar a España unha vez transcorrido o período de compromiso de non retorno de tres anos e previa solicitude de novo das autorizacións de traballo e de residencia en España. En ningún caso poderías volver a España antes do transcurso do devandito período para residir e/ou realizar unha actividade lucrativa ou profesional, mesmo aínda que tiveses interese en devolver as cantidades percibidas en concepto de aboamento acumulado e anticipado da prestación contributiva por desemprego para o retorno voluntario ao teu país de orixe.

Aprobado o dereito ao aboamento anticipado e acumulado da prestación contributiva por desemprego, as autorizacións de residencia das que sexas titular quedarán extinguidas transcorridos trinta días naturais, contados a partir da data de realización do primeiro pagamento, sen necesidade doutro procedemento administrativo.

Transcorrido o período de tres anos dende a túa saída de España, terás un dereito preferente para incorporarte ao continxente de persoas traballadoras estranxeiras non comunitarias, sempre que acredites os requisitos esixidos na normativa vixente en materia de estranxeiría e inmigración.

Se eras residente temporal en España e decides volver legalmente ao termo do prazo do compromiso de non retorno de tres anos, verás continuada a túa situación de residencia para os efectos de completar o período que che faltase para obter, se é o caso, a residencia permanente. O período de ausencia fóra de España non se computará para a obtención do permiso de residencia permanente.

Se tiñas residencia permanente en España e regresas tras finalizar o prazo de compromiso de non retorno de tres anos, poderás recuperar a túa condición de residente permanente a través dun procedemento simplificado.

Duración e contía

Poderás recibir o importe anticipado e acumulado correspondente aos días de dereito da prestación por desemprego de nivel contributivo que che correspondan ou que che resten por percibir no momento da solicitude da medida.

O pagamento será efectuado en dous prazos:

  • O 40 % do importe en España, unha vez recoñecido o dereito.
  • O 60 % do importe restante no teu país de orixe, transcorrido o prazo de 30 días naturais dende a data do primeiro pagamento aboado en España e no prazo máximo de 90 días dende aquel.

Para recibir este aboamento, deberás comparecer persoalmente na representación diplomática ou consular española no país de orixe para acreditar o teu retorno a este. No devandito momento deberás proceder á entrega da tarxeta de identidade de estranxeiro da que es titular.

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) realizará este pagamento a partir de que lle sexa comunicada a devandita comparecencia na representación diplomática ou consular pola Dirección Xeral de Asuntos e Asistencia Consulares do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación.

O pagamento efectuarase no teu país de orixe, mediante cheque nominativo ou a través de transferencia bancaria, en euros ou, se é o caso, na moeda na que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social efectúe o pagamento das prestacións no devandito país.

Non se admitirá a renuncia ao aboamento acumulado e anticipado da prestación unha vez feito efectivo o primeiro pagamento.

Complementarase o aboamento acumulado e anticipado da prestación por desemprego cun programa de axudas complementarias que xestiona o Ministerio de Emprego e Seguridade Social a través da Secretaría Xeral de Inmigración e Emigración, Dirección Xeral de Migracións. Se desexas información adicional sobre estas axudas podes consultar a páxina web do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. 

 

Documentación necesaria

Para poder acceder ao aboamento acumulado e anticipado da prestación contributiva por desemprego deberás presentar a seguinte documentación:

  • Modelo oficial de solicitude.
  • Españois: Documento Nacional de Identidade (DNI) ou pasaporte.
  • Estranxeiros residentes en España:
    • Comunitarios: Certificado de rexistro de cidadán da Unión Europea no que consta o NIE, xunto co pasaporte ou documento identificativo no seu país de orixe.
    • Non comunitarios: Tarxeta de identidade de estranxeiros (TIE) na que consta o NIE, e o pasaporte.

Onde, cando e como o tramito

Poderás presentar a solicitude sempre que teñas dereito ao recoñecemento ou continuación da prestación por desemprego de nivel contributivo ou mentres sexas perceptor ou perceptora desa prestación, a través de:

O modelo de solicitude do aboamento acumulado e anticipado é independente da solicitude da prestación contributiva por desemprego (alta inicial ou continuación), aínda que se pode presentar de forma conxunta. Non obstante, tamén poderás solicitalo en calquera momento posterior durante a percepción desta prestación. Non se esixe ter un mínimo de días ou de meses pendentes de percibir de prestación.

Así mesmo, no modelo de solicitude, debes facer constar os datos relativos ao aboamento, o domicilio no país de orixe no caso de ter elixido o cheque como modalidade de pagamento, e os datos bancarios do número de conta da que sexas titular no caso de ter elixido a transferencia.

Podes obter máis información no teléfono de atención ao cidadán 901 119 999.

Documentación