RESPONSABILIDADES FAMILIARES

Para os efectos do subsidio por desemprego, ter responsabilidades familiares significa ter ao seu cargo ao seu cónxuxe ou a algún fillo ou filla por natureza ou adopción que sexa menor de 26 anos ou maior con discapacidade ou persoa menor acollida, que non teña ingresos mensuais superiores ao 75 % do salario mínimo interprofesional (SMI), sen contar a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias, sempre que a suma dos ingresos de todos os membros da súa unidade familiar así constituída, dividida entre o número de compoñentes da mesma, non supere dita cantidade. (Contías para este ano).

As fillas e fillos a cargo poden terse en conta por ambos os cónxuxes, tanto se solicitan a prestación por desemprego, para o cálculo das contías mínima e máxima a percibir (topes), coma se solicitan un subsidio por desemprego no que sexa imprescindible ter responsabilidades familiares.

Se contraeron matrimonio e convive cos fillos ou fillas privativos do seu cónxuxe, poderá alegalos como familiares a cargo sempre que os gastos necesarios para a súa subsistencia sexan asumidos, directa ou indirectamente, con cargo aos ingresos destinados á súa unidade de convivencia.

Para os efectos do subsidio, a parella de feito da persoa solicitante ou persoa beneficiaria non se considera integrante da súa unidade familiar, nin por tanto, pode ser alegado/a por este ou esta como carga familiar.

Se a persoa solicitante ou persoa beneficiaria do subsidio convive unicamente cos seus fillos ou fillas e/ou fillos ou fillas menores de 26 ou maiores con discapacidade, deberá acreditar as rendas ou a carencia de rendas de todos, sen que sexa suficiente acreditar só as dalgún/a ou algúns/as deles/as.

Tendo en conta a obrigación dos pais e nais de prestar alimentos aos seus fillos e fillas imposta polo artigo 143 do Código Civil, se a súa unidade de convivencia está composta pola súa parella de feito e polos seus fillos ou fillas comúns menores de 26 anos ou maiores con discapacidade, ou por persoas menores acollidas por ambos, determinarase a renda de que os fillos ou fillas poidan dispor, imputándolles a cada un deles/as, o resultado de dividir todas as rendas do outro proxenitor/a entre este/a e o número total de fillos ou fillas que dependan del ou ela.