QUE SE CONSIDERA RENDA

Para os efectos de percibir o subsidio por desemprego considéranse rendas ou ingresos computables os bens, dereitos ou rendementos de que dispoña a persoa desempregada e, no seu caso, os membros da súa unidade familiar, derivados do traballo, do capital mobiliario ou inmobiliario, das actividades económicas e os de natureza prestacional, salvo as asignacións da Seguridade Social por fillos a cargo e o importe das cotas destinadas ao financiamento do convenio especial coa Administración da Seguridade Social.
 
Como rendementos de traballo compútase a cantidade bruta obtida como salario pola realización dun traballo por conta allea, incluíndo a parte proporcional das pagas extraordinarias, sen considerar os descontos de Seguridade Social nin as retencións a conta do IRPF. Queda excluído do cómputo o importe correspondente á indemnización legal que en cada caso proceda pola extinción do contrato de traballo con independencia de que o pago da mesma efectúese dunha soa vez ou de forma periódica.
 
As rendas que proceden de actividades empresariais, profesionais, agrícolas, gandeiras ou artísticas computaranse pola diferenza entre os ingresos e gastos necesarios para a súa obtención.
 
Son rendas computables, de natureza prestacional, o importe de pensións e prestacións da Seguridade Social, incluídas as prestacións e subsidios por desemprego, doutras prestacións públicas, etc. Exclúense as asignacións da Seguridade Social por fillo a cargo e o importe das cotas destinadas ao financiamento do convenio especial coa Administración da Seguridade Social.
 
Do mesmo xeito, han de computarse os rendementos íntegros  (bruto) do capital mobiliario, dinerarios ou en especie, que proveñan de elementos patrimoniais, bens ou dereitos sempre que non sexan inmobiliarios e non estean afectos a actividades económicas. Ex.: rendemento de contas correntes.
 
Como rendementos íntegros (bruto) de capital inmobiliario inclúense os que se deriven do arrendamento ou de dereitos de uso sobre inmobles rústicos e urbanos excluída a vivenda habitual. Ex.: aluguer dun inmoble.
 
As ganancias patrimoniais computaranse pola diferenza entre as ganancias e as perdas patrimoniais.
 
Cando non se acrediten rendementos efectivos, computaranse os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o interese legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola persoa traballadora e os bens cuxas rendas fosen computadas.
 
Todas as rendas impútanse ao seu titular, pero as derivadas da explotación dun ben de propiedade exclusiva dun dos cónxuxes, se o réxime matrimonial é o de gananciales, imputaranse por metade a cada un dos cónxuxes.