SEGUIREI COBRANDO O PARO AO CUMPRIR A IDADE PARA XUBILARME?

O dereito á prestación por desemprego extínguese por pasar a ser pensionista de xubilación. Se ao cumprir a idade de xubilación, non reúne os requisitos esixidos para cobrar a dita pensión, poderá continuar cobrando a prestación por desemprego, sempre que presente unha certificación expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

A prestación por desemprego pódese percibir á vez que a pensión de xubilación parcial ou unha pensión de xubilación recoñecida nun sistema distinto ao español.

Nestes casos, se a prestación que percibe é un subsidio por desemprego, a compatibilidade estará condicionada a que siga carecendo de rendas propias mensuais de calquera natureza superiores ao 75 % do salario mínimo interprofesional (SMI), excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias (o importe da pensión, con prorrata de pagas extraordinarias, teríase en conta como renda). Ademais debe seguir acreditando, no seu caso, responsabilidades familiares.

Poderá comunicar a súa xubilación na oficina de prestacións do seu domicilio previa petición de cita a través de Internet ou na sede electrónica do Servizo Público de Emprego Estatal se dispón de certificado dixital, DNI electrónico ou usuario e contrasinal Cl@ve.