PODO COBRAR O PARO E SER MEMBRO DUNHA CORPORACIÓN LOCAL CON DEDICACIÓN EXCLUSIVA OU PARCIAL?

Como membro dunha Corporación Local, polo exercicio do seu cargo en réxime de dedicación exclusiva ou parcial, ten dereito a percibir retribucións e, por tanto, debe ser dado de alta no Réxime Xeral da Seguridade Social.

No caso de dedicación exclusiva, as retribucións polo traballo serán incompatibles coa prestación por desemprego.

Se, mediante o correspondente certificado do Concello, acredita que vai desempeñar o cargo con dedicación parcial, poderá compatibilizar a percepción de prestacións coas súas retribucións, pero reducirase da contía da prestación ou subsidio a parte proporcional ao tempo de dedicación parcial.

Se está a percibir o subsidio por desemprego, é preciso que as súas rendas non superen o límite do 75 % do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

Tamén poderá optar pola baixa nas prestacións.

Se como membro dunha Corporación Local non tivese dedicación exclusiva nin parcial, pero percibise unha remuneración pola asistencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados da Corporación, na contía sinalada polo pleno da mesma, a remuneración destas asistencias e as prestacións por desemprego serían compatibles se o desempeño do cargo efectivo non lle impedise cumprir coas súas obrigacións como persoa beneficiaria de prestacións.

Enténdese que dita remuneración é compatible coa actividade laboral e que non é propiamente retribución por un traballo, senón unha mera compensación. No entanto, ditas percepcións teñen a consideración de rendas a fin de acreditar o requisito de carencia de rendas propias, esixido pola normativa vixente, para acceder e poder ser perceptor do subsidio por desemprego, se non supera o 75 % do SMI citado anteriormente.